Como formar parte do Turismo Slow Norte de Galicia

Criterios do turismo slow​

Para formar parte do Turismo Slow Norte de Galicia é imprescindible cumprir os seguintes criterios obrigatorios:

Compromiso coa Sostibilidade ambiental

  • Contar con xeración propia ou contratación de enerxías renovables no establecemento, parcial ou totalmente.
  • Xestionar os residuos de forma sostible, segundo as normas de xestión municipais e as posibilidades do establecemento.
  • Velar pola redución dos plásticos dun só uso: substituíndoos por outros materiais, rexeitando os envases innecesarios, favorecendo a reutilización, etc.
  • Contar con medidas de aforro e eficiencia enerxética, coma: usar lámpadas de baixo consumo, favorecer a actualización dos electrodomésticos por aqueles de baixo consumo, ter sistemas de control automático da iluminación, etc.
  • Empregar sistemas de aforro de auga, coma: redutores de fluxo en billas, dobre pulsador en cisternas, sistemas de recirculación de augas, separación de augas grises, etc.
  • Usar productos de limpeza  e outros produtos químicos (coma pinturas ou vernices) con reducido impacto ambiental.
  • Seguir prácticas sostibles na xestión de xardíns, hortas e outras zonas verdes, coma: usar abonos orgánicos, regar con sistemas de control automático, evitar o uso de pesticidas sintéticos, evitar o uso de especies exóticas invasoras, etc.
  • Empregar medidas de redución do desperdicio alimentario.

Apoio á comunidade local

  • Priorizar a contratación de persoal local.
  • Contar con empresas provedoras locais.
  • Favorecer o uso de produtos alimenticios primarios locais.
  • Velar pola promoción da arte, arquitectura ou patrimonio cultural local
  • Ofertar servizos de ocio, produtos ou experiencias baseadas no respecto ambiental e a promoción da cultura local.
  • Apoiar, participar ou promover accións para o desenvolvemento local.

Turismo consciente e responsable

  • Ofrecer información sobre puntos de interese turísticos, experiencias locais, restaurantes, artesanía, etc.
  • Facilitar información e xestión de opcións de transporte con menores emisións contaminantes.
  • Comprometerse á formación e concienciación do persoal sobre as prácticas de xestión ambiental do establecemento.
  • Promover a concienciación da clientela sobre as prácticas de xestión ambiental do establecemento.

E, dado que se trata dunha rede de aloxamentos, a pertenza á rede implica ademais comprometerse a participar e implicarse no proxecto.