patrimonio natural
Rodéate da mellor compañía e dunhas paisaxes de ensoño, respira profundo, sente o vento na túa cara, escoita as olas romper sobre as rocas, camiña entre árbores autóctonas, deixa que se che enchan os zapatos de area, pérdete entre os camiños á tardiña… o Norte de Galicia e os seus espazos máxicos, salvaxes e protexidos.
Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) Red Natura 2000
Para asegurar a conservación de diferentes espazos debido ao seu interese natural, cultural, científico, educativo ou paisaxístico, estes poden ser declarados Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) ou Zona de Especial Conservación (ZEC). Inclúense nesta consideración as zonas especiais da Rede Natura 2000 (directiva CEE 79/409 e 92/43) que non teñan outra figura de protección e nelas será posible a realización de usos e actividades tradicionais sempre que non vulneren os valores protexidos
• As Catedrais
• Carballido
• Costa Ártabra
• Costa A Mariña Occidental
• Estaca de Bares
• Fragas do Eume
• Monte Maior
• Ortigueira-Mera
• Ría de Foz-Masma
• Río Eo
• Río Landro
• Río Ouro
• Serra do Xistral
• Xubia-Castro
Parques Naturais
Esta figura de protección ten en conta a beleza das súas paisaxes e a representatividade dos seus ecosistemas entre outras consideracións, como a escasa ocupación humana e uns valores educativos e científicos merecedores de protección. Neste momento Galicia ten declarados seis parques naturais, un dos cales atópase aquí:
• Parque Natural Fragas do Eume
Monumentos Naturais
Na declaración de Monumento Natural búscase resaltar a beleza dos espazos naturais (formacións xeolóxicas, xacementos paleontolóxicos…). Para evitar que se poña en perigo a conservación dos seus valores só se admitirán usos e actividades respectuosos cos mesmos. Este é o caso dos oito monumentos naturais no territorio galego, dous dos cales podes visitar no Norte de Galicia:
• Praia das Catedrais
• Souto da Retorta
Reservas da Biosfera
O programa Home e Biosfera (MAB) da UNESCO promove o desenvolvemento sostible baseado en mellorar a relación do ser humano coa súa contorna. Este programa creou a Rede Mundial de Reservas da Biosfera, que busca reconciliar a diversidade biolóxica e cultural co desenvolvemento económico e social; e que recoñece seis espazos en Galicia, dous dos cales se atopan no Norte:
• Río Eo, Oscos e Terras de Bourón
• Terras do Miño
Outros espazos naturais
Galicia atesoura unha ampla e variada riqueza de paisaxes debido, entre outras razóns, ás diferenzas climáticas, contrastes bioxeográficos, disparidade poboacional e de relación entre os habitantes e a súa contorna. É por isto que hai moitos espazos que, aínda que non teñen unha figura de protección oficial, posúen valores suficientes para ser destacados, un dos cales atópase aquí:
Zonas Húmidas RAMSAR
Esta zona norte reúne tres dos cinco Humedais declarados de importancia internacional polo Convenio de Ramsar recoñecidos en Galicia:
• Lagoa e areal de Valdoviño
• Ría de Ortigueira e Ladrido
• Ría do Eo
Zona especial protección de aves (ZEPA)
A Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) é unha categoría de protección de carácter europeo que se outorga a áreas naturais de especial relevancia para a conservación das aves, particularmente as que están ameazadas de extinción. Para este obxectivo é primordial a conservación dos seus hábitats coas condicións medioambientais necesarias para o descanso, reprodución e alimentación das aves. Estas ZEPA distribúense tanto ao longo da costa como en zonas de montaña:
• Costa da Mariña Occidental
• Espazo mariño da Costa de Ferrolterra-Valdoviño
• Espazo mariño Punta Candieira-Ría Ortigueira-Estaca Bares
• Ferrolterra – Valdoviño
• Ría de Foz
• Ría de Ortigueira e Ladrido
• Ribadeo
Praias
De Ribadeo a Ferrol, as praias do Norte de Galicia figuran entre as mellores de España. Areais intactos, naturais, rodeados de piñeiros, de prados ou de dunas; limpas, de augas frías, para gozar á caída do sol ou para surfistas. Non sempre para o baño, e iso si, sempre para a contemplación e para o paseo… aínda que sexa con paraugas! Hainas tranquilas e resgardadas, outras resultan insólitas, e tamén as hai recónditas, salvaxes, infinitas… O Cantábrico e o Atlántico debuxan un litoral con areais para tódolos gustos e para gozalos durante todo o ano.
Rías
As rías galegas, como longos brazos de mar que se introducen na terra, definen a paisaxe de Galicia e quizais dalgún xeito tamén o espírito dos seus habitantes, unha máxica e sorprendente mestura de opostos: o oceánico e o terrestre; o máxico e o real; o titánico e o humano. Unha simbiose entre distintos camiños, os do mar e os da terra, que talvez ao final acaben conducindo ao ceo; ou non é alí onde se xuntan o horizonte e os soños? Aquí os homes só son invitados, pois as Rías son en realidade reino de peixes, gaivotas, corvos mariños e incansables carráns… príncipes en fin do mar e do ceo.
• Ría do Barqueiro
• Ría de Cedeira
• Ría de Ferrol
• Ría de Foz
• Ría de Ortigueira
• Ría de Ribadeo
• Ría de Viveiro